Friday 03 de May de 2024

Aberta ata o próximo mércores a inscrición para participar nos obradoiros de chocolate


Están dirixidos a nenos, nenas e adultos e desenvolveranse durante a celebración da I Feira de Oportunidades a vindeira semana

Ata o vindeiro mércores o departamento de Cultura e Deportes do Concello de Ordes manterá aberto o prazo para poder participar nos obradoiros de chocolate, os cales se realizarán durante os tres días de celebración da I Feira de Oportunidades. A iniciativa está dirixida tanto a adultos como a nenos e nenas de 8 a 12 anos de idade.
Deste xeito o xoves 26 e o venres 27 de febreiro terán lugar os obradoiros para os menores. Como máximo poderán participar 10 asistentes por grupo. En total haberá dúas convocatorias por día cun horario establecido de 17 a 19 e de 19 a 21 horas. Os obradoiros dos adultos desenvolveranse o sábado no mesmo horario e igualmente poderán asistir un máximo de 10 asistentes por cada grupo. O lugar de realización será na área polivalente da praza de abastos de Ordes, situada no primeiro andar, onde tamén se instalarán os postos participantes na I Feira de Oportunidades. O prezo establecido en todos os casos será de 5 euros que deberán aboarse no momento da inscrición.

O encargado de impartir os ditos obradoiros será Pablo Pena, ben coñecido no municipio polo seu traballo á fronte da panadería Milagros. Ademais de charlas, trucos e consellos elaborará distintas receitas con este delicioso produto. Para iso cóntase tamén coa colaboración da firma de chocolates Valrhona.